Carlos Casares 2017: algunhas iniciativas en escolas galegas

Como sabedes, temos neste blog varias lapelas nas que damos conta da bibliografía de Carlos Casares- cabeceira deste blog-  así coma das mais senlleiras iniciativas que, ao abeiro doutras institucións, xurden tamén para lembrar, aprender e coñecer a vida e obra do autor destacado.(lista de páxinas e blogs na columna dereita).  Pero queremos tamén dar conta do que se fai nas escolas, nos institutos, para difundir e coñecer a obra de Carlos Casares e axudar a difusión dalgúns destes proxectos. Cómpre subliñar a implicación do profesorado dos centros no desenvolvemento destas actividades.

Desde a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Xunta de Galicia, achegámonos a dous proxectos ben fermosos feitos por alumnos de dúas escolas galegas. No blog  Hora de ler, xestionado pola propia asesoría, atopamos este ramallete de entrevistas feitas polos alumnos do CEIP dos Dices (Rois, A Coruña), onde preguntan a Henrique Monteagudo, Xavier Seoane, Camilo  Noia ou Damián Villalaín  que escollan a súa obra favorita de Carlos Casares, contando tamén  por qué recomendarían a súa lectura.

Tamén no mesmo CEIP realizan tódolos anos un Telexornal adicado a figura homenaxeada no Día das Letras, converténdose nunha tradición.

Pareceunos moi divertida esta adaptación de As laranxas mais laranxas de tódalas laranxas feita no CEIP Antonio Fernández López.

E que decir desta adaptación de A galiña azul feita polos alumnos do IES Carlos Casares de Vigo? Pois que é dunha orixinalidade absoluta. É unha das accións do proxecto de innovación educativa Galaxia Casares, ao que convén botar unha ollada pola gran cantidade de recursos que xuntan, a calidade do seu traballo e a implicación do alumnado.

 

 

Ou, tamén, esta adaptación do mesmo conto feita con pictogramas e lida polas alumnas da aula de educación especial do Colexio Compañía de María.

E ao abeiro do programa Dcine do CEIP Isaac Díaz Pardo de Sada, achégannos esta montaxe na que moi ben resumen a traxectoria vital e literaria de Carlos Casares.