Unha lembranza do Casares xornalista

Lemos no imprescindible Carlos Casares, un contador de historias do profesor Henrique Monteagudo, un perfecto resumo do que foi a relación de Casares co xornalismo. Falando das súas colaboracións na Voz de Galicia, e esporádicamente en El País, considera a época de “A marxe” – a columna na Voz e que se prolongaría durante casi dez anos- unha das máis interesantes aventuras literarias do escritor, e que lle daría moita visibilidade nun público non necesariamente lector dos seus libros, consagrando a súa popularidade.

Deste xeito, a columna converteuse nun atractivo “locus amoenus”, un recanto ateigado de enlevo, bo humor e complicidade, onde o lector de prensa procuraba un chisco de frescura e acougo ao resgardo do sensacionalismo estridente, a inflación de trivialidades e o balbordo abouxador e tantas veces estarrecente que inzan as páxinas dos xornais (…) O común dos lectores anónimos identificouse axiña con aquela voz que falaba desde a súa mesma perspectiva, un punto de vista que o cidadán da rúa vía ergueiro, vindicado e ennobrecido por obra dun autor de talento.

(p. 126-127)

Na BUSC, temos diferentes edicións de Á marxe. Amosámovos unha imaxe das que temos no depósito da Xeral:

 

Unha imaxe tirada das baldas do depósito da Xeral: a signatura currens GA.- 38439, que corresponde a “Á marxe”, reunión de tódolos artigos na edición de Galaxia.

 

Pero queremos deternos nun volume algo especial para nós. Trátase de Á marxe, palabra de escritor, premio Roberto Blanco Torres de xornalismo de opinión e publicado pola Universidade de Santiago de Compostela. Recollense aquí os artigos publicados no devandito xornal entre o 2 de xaneiro de 2002 e o 10 de marzo do mesmo ano, data da morte do escritor. Interrompeuse destre triste xeito, un dietario, unha cita cotiá cos seus lectores. Deixamos a imaxe do penúltimo e do derradeiro artigo, en branco, e titulado como a propia sección do autor.

?