Casares e Fole

Desde a Sala de Investigadores, unha fotografía do libriño do que hoxe falamos, signatura GA 23946/1-2-3 (prema na imaxe para acceso ao rexistro no catálogo)

 

 

Por moito que teña pasado o Día das Letras, non queremos deixar este blog sen alimentar, aínda que sexa de cando en vez. Traemos hoxe un libriño sorprendente, que temos xa dende hai tempo na biblioteca. Publicado no ano 1997 e de autoría de Tonina Gay Parga, e titulado Ánxel Fole: ¡sí, señor!  . Neste libriño, no que se recompilan distintos escritos de diferentes autores acerca da figura e da obra de Fole, destacamos hoxe a colaboración de Carlos Casares titulada “O día que coñecín a Ánxel Fole”. E destacámola por varias razóns: en primeiro lugar, polas anécdotas daquel primeiro encontro e que pasaremos a resumir; e, por outro, porque trátase do xérmolo dun futuro libro que remataría sendo Conversas con Ánxel Fole. 

 

Un día, alá polo principio dos anos sesenta, cheguei a casa de Ramón Piñeiro en Santiago para facerlle unha visita. Cando xa pasara á pequena biblioteca onde recibía aos amigos, sorprendeume que unha persoa tan cortés e amable como el non me presentara a un señor que estaba no mesmo cuarto, un pouco alonxado da mesa camilla, sentado nun banqueto de madeira e escoitando música. O caso é que Piñeiro e máis eu nos puxemos a falar, e, ó pouco tempo, aquel home da esquina dixo en voz alta, de repente, como un trallazo: “Beethoven, sí señor, Beethoven! Aínda que me pareceu algo raro, non lle din máis importancia. 

Seguimos a nosa conversa, pero uns minutos despois escoitouse de novo unha frase dita en voz alta, como a anterior, pero desta vez, completamente absurda: “¡El Consejo Económico y Sindical, sí señor! Eu non puiden evitar un sorriso, que Piñeiro compartiu, mentres me explicaba en voz baixa: “É Ánxel Fole”. Aclarado o misterio, dediqueime a observar ao escritor, a quen eu lera con moito interese pouco despois de chegar a Santiago, e a quen eu admiraba como narrador” (p. 14)

Sigue a continuación Casares comentando a insólita mezcla de excentricidade, coñecemento enciclopédico e boa conversa que tiña Ánxel Fole, e da que se decatou xa nos primeiros momentos do xantar que compartiron baixo a hospitalidade de Ramón Piñeiro.  O libriño do que falamos trae unha gravación desta testemuña falada de Carlos Casares, complementándose cos méritos que a Real Academia Galega vía en Fole para adicarlle o Día das Letras en 1997.

Máis sobre Ánxel Fole no catálogo da BUSC

E tamén sobre Ramón Piñeiro 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s